Formación con Madre Coraje nas Xornadas de ECG

Dentro do VIII Xornadas de Educación para a Cidadanía Global que organizamos entre o Grupo ECIGAL da UdC e Solidariedade Internacional, desenvolveremos un obradoiro dirixido a profesorado e profesionais de entidades sobre estratexias para vincular a ECG no currículo. Será dinamizado por Madre Coraje. Concretamente, contaremos con Javier Saborido, responsable de proxectos de educación da ONGD Madre Coraje na súa delegación de Jerez de la Frontera.



E, por que escollemos a Madre Coraje para formarnos?

A ONG Madre Coraje parécenos a máis axeitada para impartir este obradoiro debido á súa ampla traxectoria de investigación e formación do profesorado na harmonización da ECG co currículo. Así, no 2011 iniciaron un proxecto de investigación de catro anos de duración, cun grupo deespecialistas do “Foro por otra escuela” da Universidad de Sevilla. Proceso que foi fundamental para comprender a linguaxe específica da escola e analizar o currículo oficial, identificando competencias, contidos e indicadores relacionados coa ECG. No 2015 deron continuidade a esta liña de traballo a través dos “Ciclos de mellora da práctica docente con enfoque na ECG”, financiados pola ACI, cos que capacitaron a mestras e mestres para incorporar a ECG na actividade educativa e tamén acompañaron no deseño e posta en marcha de propostas educativas de centro e aula. Ademais, resulta de interese o seu traballo na de creación dunha “Ferramenta de avaliación de cambio de actitudes”, sobre todo tendo en conta que a avaliación das aprendizaxes é unha carencia frecuente nos proxectos de ECG desenvolvidos nas escolas.


Podes consultar o seu traballo e as propostas a centros educativos na súa web: http://epdenelaula.madrecoraje.org/que_hacemos