top of page
FOTO ANA_edited_edited.jpg

Ana Lampón Gude

  • Web

Son Educadora Social e Técnica de Proxectos na ONGD Solidariedade Internacional de Galicia. Traballo no Departamento de Educación da entidade  sendo responsable da área de investigación.  

A miña labor céntrase principalmente en promover a Educación para a Cidadanía Global, tanto no eido regrado (en todas as etapas educativas), como no non regrado así como na xeración de colaboracións e sinerxías con distintas institucións e organizacións que  teñan como finalidade a transformación social e política cara unha cidadanía global crítica, empoderada e emancipada. 

Dende as ONGD somos conscientes de que é fundamental camiñar cara prácticas de traballo interinstitucionais, nas que cada entidade asuma un rol diferenciado, acorde ás súas potencialidades, pero que nos permita dar respostas comúns ás complexidades da sociedade actual da maneira máis integral posible. Por iso que penso que contar con perfís como o meu, alleos á academia, máis achegados á acción, tamén aportan valor a un grupo de investigación como o ECIGAL. 

Sobre min

Graduada en Educación Social (2014) pola Universidade da Coruña e técnica de proxectos de educación en Solidariedade Internacional de Galicia (2013 – actualidade). 

​

Ao longo destes anos de experiencia e estabilidade profesional, a miña labor no marco da entidade, céntrase fundamentalmente na xestión e coordinación de todo tipo de iniciativas de educación para a cidadanía global (deseño, formulación, implementación, avaliación e xustificación de actividades e proxectos de distintos financiadores).  

​

Conto con experiencia como conferenciante, formadora e organizadora de xornadas e seminarios sobre Educación para a Cidadanía Global. Ademais de desenvolver a miña praxe profesional na área de Educación tamén participo activamente doutras áreas impulsadas dende a organización, como o Comercio Xusto, a Participación Social e a Cooperación ao Desenvolvemento. Nesta última área conto cunha experiencia de voluntariado internacional, realizando unha estadía de 3 meses no barrio de Acahualinca (Managua-Nicaragua) no marco dun proxecto de desenvolvemento integral para a mellora das condicións ambientais, sociais, económicas e  de habitabilidade na contorna do Vertedoiro de A Chureca.  

​

A miña experiencia investigadora comezou o último ano de carreira, realizando o Traballo de Fin de Grao “Un estudo dos proxectos de formación e sensibilización en educación para o desenvolvemento da ONGD Solidariedade Internacional de Galicia” e dende entón a miña participación en estudos e investigacións foise amplificando, da man da Universidade da Coruña e da Universidade de Santiago de Compostela, sempre vencellados á Cidadanía Global e ás pedagoxías transformadoras. Ademais do eido educativo e da pedagoxía social, tamén me interesan temas relacionados como o Feminismo e igualdade de xénero, a educación ambiental e a sostibilidade ou os dereitos humanos. 

​

Como educadora social, oriéntome a cooperar na xeración de alternativas sociais e proxectos que contribúan ao desenvolvemento e implementación de estratexias que teñan como finalidade a xustiza global. Para todo elo, gústame partir de dúas máximas que intento aplicar sempre, tanto no profesional coma no persoal: “Corresponsabilidade, ou o que é o mesmo, pensar globalmente e actuar localmente” e “manter a coherencia entre o pensar, o sentir e o facer”, coido que ambas me axudan a manter o foco no importante.

Contacto

Solidariedade Internacional de Galicia 

Vereda del Polvorín 2 

15002. A Coruña 

981243506 

bottom of page