top of page

Investigando na educación para o desenvolvemento: un estudio de caso sobre a aplicación do proxecto “O tesouro de Acahualinca” (2013-2014)

IP: María Mar Rodríguez Romero 

Outras persoas do equipo investigador: Araceli Serantes Pazos, Dolores Cotelo Guerra,  José Luis Iglesias Salvado, Apolinar Graña Varela, María José Caride Delgado, Ana Lampón Gude 

Entidade colaboradora: Solidariedade Internacional de Galicia  

Entidade financiadora: Cooperación Galega (Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia) 

Cantidade da financiación: 24.287,00 euros 

Foto 1 investigacion.jpg

O obxectivo xeral foi investigar os proxectos de Educación para a Cidadanía Global levados a cabo por SIG e xerar coñecemento trasladable á práctica que fixera posible a mellora da organización e a transferencia dos achados.  

A investigación organizouse en dúas partes: 

​

Na primeira parte realizouse un estudo diacrónico dos proxectos de ECG implementados por SIG entre os anos 2002 e 2012 (11 proxectos en total). Mediante o análise comparativo dos proxectos elaboramos liñas do tempo e outras representacións gráficas amosando o comportamento desta organización ao longo deste período temporal en relación con aspectos tales como: temáticas, obxectivos e duración dos proxectos, destinatarios/as e financiamento. Así estudamos o proceso evolutivo da organización, as súas tendencias e desafíos.  

​

Na segunda parte da investigación realizouse un estudo de caso sobre o proxecto “O Tesouro de Acahualinca” que foi implementado por SIG entre agosto de 2012 e xuño de 2013 en 13 centros de Educación Secundaria de Galicia. Mediante entrevistas semi-estructuradas aplicadas ao profesorado e a grupos de estudantes dos 13 centros participantes e, a través de 3 micro-estudos de caso, producíronse evidencias sobre como o proxecto do Tesouro de Acahualinca se vincula co currículo, no sentido que tivo para o alumnado e a súa influencia na aprendizaxe de cuestións relacionadas coa Cidadanía Global.  

​

Respecto dos achados xurdidos do análise comparativo dos proxectos de ECG implementados pola ONGD, puidemos observar algunhas tendencias como a fidelización dos destinatarios/as, os diferentes niveis de complexidade dos obxectivos en función das temáticas abordadas nos proxectos, a existencia de tres grandes temáticas que se repiten no tempo: interculturalidade, obxectivos do milenio e comercio xusto. Tamén pode observarse como se foi incrementado a duración das súas intervencións e reducido o número de centros cos que traballa, optando por intervencións máis profundas e incisivas que extensas e divulgativas. Ademais obsérvase un refinamento dos seus plantexamentos pedagóxicos e didácticos encamiñandose cara intervencións acordes coas perspectivas da ED máis sofisticadas e comprometidas coa cidadanía global. 

​

Entre os achados da segunda parte da investigación cabe mencionar os seguintes:  

O proxecto desenvólvese en cada centro como unha práctica situada e non como un mero dispositivo metodolóxico, o que da lugar a procesos idiosincrásicos que teñen características propias en cada centro, con cada docente e para cada grupo de estudantes. Esta especificidade queda retratada nos tres microestudos de caso que amosan como hai unha pegada específica no desenvolvemento do proceso para cada centro: a constancia (centro 1), a capacidade reflexiva (centro 2) e o apoio ao proceso (centro 3).  

​

As materias implicadas nos proxectos de ED son preferentemente Ética e Educación para a Cidadanía, en un caso Relixión. Os seus contidos están directamente relacionados coa formación democrática e sobre Dereitos Humanos dos estudantes. Son materias cuxa presenza horaria é moi reducida o que dificulta a continuidade das intervencións e limita a súa profundidade.  

 

O alumnado que participou no proxecto obxecto de estudo de caso, manifestan verbalmente e comportamentalmente, mediante a produción dos vídeos, a súa preferencia por metodoloxías participativas, experienciais e creativas como as postas en práctica polo Tesouro de Acahualinca. Nembargante este tipo de estratexias están máis vinculadas a procesos e destrezas de aprendizaxes e menos a contidos e, ademais, requiren un traballo do alumnado máis participativo ao que non están acostumados, o que esixe do profesorado un apoio e dedicación extra. O tempo é un dos principais condicionantes para o desenvolvemento do proxecto. A escaseza de horas dedicadas ás materias vencelladas dificulta a execución apropiada. As achegas dos microestudos de caso amosan como o proxecto formativo do Tesouro de Acahualinca en tanto que práctica situada ten características idiosincrasias relacionadas co vínculo do profesorado coa ONGD, o estilo pedagóxico do profesorado e as condicións organizativas e curriculares dos centros e materias ás que se vincula. Amosa como hai unha loita máis ou menos intensa para acoplar o proxecto á dinámica curricular e organizativa das materias dos centros. Esta batalla é resolta de modo diferencial por cada docente e, sen dúbida, esixe ter condiciones favorables a nivel organizativo, por exemplo, a configuración horaria, e dispoñibilidade para traballo extra do docente apoiando os estudantes. Estes pola súa parte ten que estar dispostos a implicarse fora do horario escolar e ter capacidade para poñerse de acordo e traballar colaborativamente. Ambas esixencias son complicadas e son resoltas produtivamente cando o docente está acompañando o proceso de traballo alén do marco escolar. A modo de síntese recoñécense catro ideas fundamentais que sosteñen os relatos biográficos das dúas técnicas de Solidariedade Internacional Galicia: o compromiso, a creatividade, a traxectoria ou bagaxe de cada unha (marcada pola experiencia persoal e a experiencia na institución) e a experiencia no propio proxecto. 

Publicacións

2015

Rodríguez Romero, Mar; Serantes Pazos, Araceli; Lampón Gude, Ana;  Iglesias Salvado, José Luis; Caride Delgado, María;  Paz Gutiérrez, María; e Graña Varela, Apolinar (2015). Investigando en Educación para el Desarrollo I.  Un análisis comparativo de los proyectos de la ONGD  Solidaridad Internacional de Galicia. Gema Celorio e Alicia López de Munain (Comp.). Cambiar la educaciónpara cambiar el mundo...¡Por una acción educativa emancipadora! Comunicaciones, pp. 274-281. Vitoria: HEGOA e Universidad del País Vasco.

2015

Rodríguez, Mar; Zapico, Mª Helena; Graña, Apolinar;  Digón, Patricia;  Longueira, Silvana;  
Cotelo, Mª Dolores e  Pérez, Mª Cristina (2015). Investigando en Educación para el Desarrollo II. Un estudio de caso del proyecto “O Tesouro de Acahualinca” de Solidaridade Internacional de Galicia. Gema Celorio e Alicia López de Munain (Comp.). Cambiar la educaciónpara cambiar el mundo...¡Por una acción educativa emancipadora! Comunicaciones, pp. 286-292. Vitoria: HEGOA e Universidad del País Vasco. 

bottom of page