top of page
Grupo investigación ECIGAL_edited.jpg

Araceli Serantes Pazos

  • id_orcid
  • research gate
  • academia.edu
  • Icono social LinkedIn
  • Web

Profesora contratada-doutora na UDC. Especialista en Educación Ambiental (equipamentos para a educación ambiental). Membro de ECIGAL-UDC (Grupo de Investigación Educación para a Cidadanía Global), de GPEA-UFMG (Grupo Pesquisador em Educação Ambiental, Comunicação e Arte), SEPA-USC (a través do Proxecto Resclima), do Seminario Permanente de equipamentos de educación ambiental do CENEAM, socia da SGEA (Sociedade Galega de Educación Ambiental), AIP (Asociación para la Interpretación del Patrimonio) e SIPS (Sociedad Iberoamericana de Pedagogía Social). 

​

Teño experiencia laboral no ámbito da educación ambiental e da cooperación ao desenvolvemento, tanto no sector público, como no privado e no terceiro sector; tamén teño experiencia como profesora e investigadora nestes mesmos ámbitos. As miñas líñas de investigación teñen sido a educación ambiental, interpretación do patrimonio, uso público en Espazos Naturais Protexidos, movementos sociais e participación cidadán, desenvolvemento local e animación sociocultural... na actualidade estou máis centrada nos aspectos educativos do cambio climático, na xustiza ambiental e na educación para unha cidadanía global. 

Sobre min

Licenciada en Pedagoxía pola Universidade de Santiago (especialidade en Intervención Educativa) e Doutora en Psicopedagoxía pola Universidade da Coruña, coa Tese titulada “Os equipamentos de educación ambiental en Galicia: análise da realidade e propostas de criterios de calidade”. Na actualidade imparto aulas na Facultade de Ciencias da Educación da UDC en materias relacionadas coa educación ambiental, a interpretación do patrimonio, o desenvolvemento sostible e a ética ambiental. 

​

Xa antes de rematar a licenciatura comecei a traballar nunha granxa-escola, en Granada, experiencia que marcou miña vida laboral e os meus intereses académicos e de investigación. Ademáis de traballar en equipamentos como granxas-escola, aulas da natureza e aula de ecoloxía urbana, fun Xefa de Extensión Universitaria no CEIDA durante 10 anos.  

​

Ter a oportunidade de viaxar e traballar en distintos países Latinoamericanos e lusófonos permitiume coñecer e colaborar con profesionais de distintos continentes. Na actualidade o vínculo académico máis estreito é con Brasil, a través do GPEA da Universidade Federal do Mato Grosso e de colegas das Universidades de São Paulo e a Federal do Paraná. 

​

Dirixo a revista ambientalMENTE sustentable (Revista científica galego-lusófona de educación ambiental) desde seu inicio, no 2006, unha aposta pola investigación, a reflexión crítica e divulgación de experiencias desde linguas nativas minoritarias como son o galego e o portugués. 

​

Na actualidade as liñas de investigación están máis centradas na comunicación do cambio climático e na contribución da educación para mitigar, adaptar e resistir aos cambios  (a través do GPEA e de Resclima) e na educación para a cidadanía global (a través de ECIGAL). Tamén teño colaborado co actual PAEAS (Plan de Acción de Educación Ambiental para la Sostenibilidad do Ministerio de Transición Ecolóxica). As últimas publicacións son o capítulo sobre equipamentos para a educación ambiental no estudo dirixido por Javier Benayas e Carmelo Marcén (2019) Hacia una Educación para la Sostenibilidad. 20 años después del Libro Blanco de la Educación Ambiental, o capítulo sobre equipamentos e cambio climático no libro coordinado por Ivo Dickmann e Luciane Cortiano Liotti (2020) Educaçåo Ambiental crítica. Experiências e vivências; artigos sobre como contemplan o cambio climático os libros de texto en revistas como Documentación Social, ambientalMENTEsustentable, Cuadernos de Pesquisa: pensamento educacional ou a Revista Brasileira de Ensino Meio. Sobre educación para a cidadanía global destacar a publicación coordinada por Renée DePalma (2020) e na que colaboro en varios capítulos, La educación para el desarrollo y la ciudadanía global: Una experiencia de investigación-acción participativa

​

Contacto

Facultade de Ciencias da Educación 

Universidade da Coruña 

Campus de Elviña s/n 15071. A Coruña 

bottom of page