foto-Laura.jpg

Laura Cruz López

  • id_orcid

Profesora contratada doutora da área de Teoría e Historia da Educación, da Facultade de Ciencias da Educación. O meu centro de interese docente e investigador é a acción socioeducativa con colectivos vulnerables, nomeadamente, con infancia e adolescencia en situación de desprotección, persoas privadas de liberdade, en situación de prostitución e senfogarismo. 

 

Destacaría como constante na miña traxectoria, a preocupación pola ausencia dunha mirada educativa crítica e dun modelo pedagóxico inclusivo nestes contextos, o que contribúe á reprodución das discriminacións sociais, a través dunha educación reducida a control e adaptación. Esta realidade entronca coa principal liña de investigación de ECIGAL, no interese de promover unha cidadanía global activa e crítica a través da educación, tamén con colectivos vulnerables. 

 

Os proxectos nos que participei teñen en común este enfoque e a investigación-acción participativa como marco metodolóxico desde onde comprender a realidade para transformala. Trátase dunha aposta consciente por situar a xustiza social como eixo central, comprometendo a todas as persoas implicadas na reflexión e cuestionamento da realidade e das prácticas educativas, co fin de promover o apoderamento e a autonomía das persoas.

Sobre min

Educadora social e pedagoga pola Universidade de Santiago de Compostela, onde me doutorei no 2010 coa tese titulada Infancias y Educación social: prácticas socioeducativas en contextos residenciales de protección en Galicia, que mereceu o premio extraordinario de doutoramento. 

 

Como educadora social traballei nun programa de prevención de drogodependencias (UMAD, 2007) e no equipo de coordinación da educación familiar de Galicia, desenvolvendo un proceso de investigación-acción participativa coas profesionais implicadas para elaborar o programa marco (Tecendo Redes, 2008-2009). 

 

A nivel docente, desde o ano 2011 son a responsable da materia Acción socioeducativa con minorías e colectivos vulnerables, do Grao en Educación Social. A especialización nesta materia aportoume o achegamento a tres realidades de exclusión social (privación de liberdade, senfogarismo e prostitución) e tamén a metodoloxías inclusivas como son a aprendizaxe-servizo, o teatro do oprimido, a filosofía para nenos e nenas e a cartografía social (arredor das que desenvolvemos diversas xornadas e cursos de verán). O traballo co alumnado desde a proposta da aprendizaxe-servizo e aplicando a cartografía social reportoume dous premios de innovación educativa (2019 e 2021). 

 

Na traxectoria investigadora formei parte de tres grupos de investigación. Primeiro, de Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA-interea) da Universidade de Santiago de Compostela, traballando principalmente en dúas liñas de estudo: tempos educativos e sociais e acción cultural municipal. No 2010, xa na Universidade da Coruña, adherinme ao grupo Política Educativa, Historia e Sociedade (PEHS) desde o que participei en proxectos sobre: estratexias eficaces de intervención con adolescentes e mozos en risco de exclusión social (en colaboración coa UNED e catro entidades sociais: Fundación ISOS, Fundación Trébol, Opción 3 S.C. e Igaxés3); accións socioeducativas de éxito para a superación da pobreza (liderado por Rosa Valls do grupo de investigación CREA da Universitat de Barcelona); ou Animación Sociocultural en prisión (en colaboración con SEPA-Interea e a asociación Aliad-Ultreia). Desde o ano 2017 participo en proxectos de educación para o desenvolvemento financiados pola Xunta de Galicia, en partenariado con Arquitectura sen Fronteiras (para a formación de axentes multiplicadores na difusión do dereito ao hábitat) e con Solidariedade Internacional de Galicia (mapeando experiencias de educación para a cidadanía global en centros escolares de Galicia). A partir do 2020, desde o novo grupo de investigación ECIGAL, continúo a traballar en liñas de estudo iniciadas con anterioridade, principalmente no eido da ECG na educación regrada e da educación social en prisión. En relación con todas estas temáticas de estudo fixen contribucións a congresos e publicacións en revistas e libros. 

 

No ámbito da xestión e colaboración con outras entidades, fun docente responsable da titulación de Educación social desde o curso 13/14 ata 20/21; formo parte do Comité de Ética da Investigación e Docencia da UDC (CEID-UDC), desde o ano 2017; e participo activamente co Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (colexiada nº 3010), primeiro nas xuntas de goberno (2003-2015) e máis adiante en dous grupos de traballo (prisión e comité ética). Así mesmo, son membro da Sociedade Iberoamericana de Pedagoxía Social (SIPS).  

Contacto

Facultade de Ciencias da Educación 

Universidade da Coruña 

Campus de Elviña s/n 15071. A Coruña

981 167000 ext. 4694