Renée_DePalma_Úngaro_ECIGAL.jpg

Renée DePalma 

  • id_orcid
  • Google_Scholar

Son profesora da Universidade da Coruña, Facultade de Ciencias da Educación, dende 2010. Doutoreime en 2003 pola Universidade de Delaware (Estados Unidos). Como educadora, interésame analizar a construción social da marxinalización dentro e fora da contorna escolar, para poder imaxinar e realizar unha educación emancipadora. Sendo a propia escola unha institución hexemónica, como se pode deseñar prácticas educativas que cuestionan e rompen cos esquemas que manteñen o estatus quo de desigualdade e exclusión?  Interésanme a pedagoxía crítica e todas as perspectivas relacionadas (conciencia lingüística, pedagoxía queer...) por ofrecer posibilidades dun repensamento profundo do cotiá e, polo tanto, a oportunidade de imaxinar posibilidades novas, rompedoras, impertinentes, e máis xustas. A Educación para a Cidadanía Global (ECG) parece especialmente prometedora polo seu recoñecemento das desigualdades entre o Sur/Norte global e o compromiso que nos esixe, como cidadanía, de buscar solucións. Investigo sobre a ECG dende 2014, e espero seguir por este emocionante camiño xunto coas miñas compañeiras no grupo ECIGAL.

Sobre min

Son profesora titular da Universidade da Coruña, na Facultade de Ciencias da Educación. Doutoreime en 2003 pola Universidade de Delaware (Estados Unidos), onde axudei a establecer o programa La Red Mágica, un proxecto de colaboración comunidade-universidade que tiña como obxectivo promover as relacións interculturais entre o alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e nenas e nenos de orixe migratoria nun centro comunitario Latino-Americano. Entre 2006-2008 fun contratada pola Universidade de Sunderland (UK), e co-directora do proxecto No Outsiders: Researching approaches to sexualities equality in primary schools, subvencionado pola Economic and Social Research Council. En decembro 2008 incorporeime á Universidade de Vigo cunha bolsa Isidro Parga Pondal, e en 2010 fun contratada pola Universidade da Coruña. Imparto a miña docencia no Grao de Educación Infantil e no Mestrado Oficial de Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria (MOPS) da Facultade de Socioloxía. En 2015 fun nomeada Honorary Professor pola Facultade de Educación da Universidade de Kwazulu-Natal (Sudáfrica). Actualmente, son secretaría do Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEXeF), e membro fundadora da Rede Galega de Estudos Queer. Formo parte do Consello da Cultura Galega dende 2020, e participo na mesa editorial de dúas revistas: International Journal of Sex Education e Sociology of Education. 

 

Empecei a miña traxectoria de investigación en ECG en 2014, participando no proxecto de investigación “Explorando as posibilidades de estender a dimensión global da EpD na ESO. Unha investigación diagnostica”, subvencionado pola Xunta de Galicia. Fun investigadora principal de dous proxectos de Investigación Acción Participativa (IAP) sobre a educación para o desenvolvemento (EpD), subvencionados pola Xunta de Galicia (2015-2016; 2016-2017). Destes proxectos xurdiu o libro La educación para el desarrollo y la ciudadanía global (2019, Graó). En 2021 dirixín o proxecto “Mapping critical global citizenship education in Spanish schools”, subvencionado pola Gene/EERA Global Education Award. Dende decembro 2020 son coordinadora do Grupo de Investigación ECIGAL, e espero seguir por este emocionante camiño xunto coas miñas compañeiras.  

Contacto

Faculdade de Ciencias da Educación 

Universidade da Coruña 

Campus de Elviña, s/n 

15071  A Coruña