Investigando no territorio para coñecer e recoñecer experiencias de ECG (III)
IP: Laura Cruz
Outras persoas do equipo investigador: María Barba Núñez, Alba Patricia Digón Regueiro, Ana Lampón Gude, Rosa María Méndez García, Renée DePalma, Araceli Serantes Pazos , Verónica Varela Verdía, María José Caride Delgado
Entidade colaboradora: Solidariedade Internacional de Galicia
Entidade financiadora: Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea. Xunda de Galicia
Cantidade da financiación: 41837,69

Dando continuidade aos proxectos anteriores, a cartografía social segue a ser a metodoloxía de investigación-acción coa que identificar e mapear dixitalmente as experiencias de ECG levadas a cabo nos diferentes niveis educativos en Galicia. A novidade desta terceira fase é a inclusión da etapa universitaria. Pretendemos identificar, como mínimo, 30 experiencias no ensino pre-universitario e polo menos 12 na etapa universitaria.
A maiores, iniciamos con este proxecto unha nova liña de traballo, co deseño colaborativo dunha guía para a identificación e avaliación de boas prácticas que vinculen a ECG co currículo. Este interese e preocupación por incardinar a dimensión global da educación no currículo está presente, ademais, na formación universitaria da que son responsables as investigadoras do grupo, tratando de estendela tamén ás materias de Practicum e TFG.
A visibilización e recoñecemento das iniciativas de ECG segue a ser un obxectivo prioritario, sendo unha das accións do proxecto actualizar a e publicar unha nova convocatoria do premio galego de ECG. Isto compleméntase coa nova edición das xornadas de ECG, espazo de encontro e traballo colaborativo, no que intercambiar experiencias e trazar novas posibilidades para que a ECG gañe presenza na formación.
Finalmente, a transferencia do coñecemento xerado acompaña todo o proceso, materializándose no deseño dun Mooc sobre ECG, na presentación de comunicacións a diferentes foros e congresos, e na publicación de artigos en revistas especializadas.