Para algunhas persoas esta foi unha experiencia de autoconsciencia. Indican:
“A conversa aportounos un caudal de información grande, especialmente no relativo á deconstrución persoal e análise das nosas propias accións”
De aí a necesidade de fortalecer a aprendizaxe nesta liña, o cal ten que darse dende metodoloxías dialóxicas, que permitan a comprensión a través do outro/a:
“A maior aprendizaxe que fixemos coa realización desta actividade foi coñecer de primeira man a realidade que viven as persoas dos colectivos cos que nun futuro podemos traballar -neste caso, persoas en situación de migración-, xa que non hai mellor maneira de aprender que escoitando a historia de vida das persoas e aquelas cousas que teñen para contar. Puidemos aprender tamén a quitarnos ese medo “escénico”, a propoñer unha actividade ante persoas totalmente descoñecidas co temor de cometer erros, equivocarnos…”
“Estamos moi agradecidas coa experiencia, polo trato que recibimos na entidade. Foi moi agradable traballar con todas as persoas participantes e queremos agradecerlles o feito de ter compartido con nós as súas historias de vida. Para nós foi un pracer escoitalos e consideramos que, do mesmo xeito que eles puideron aprender de nós, nós tamén aprendemos deles e delas”
“Agradecemos moito a oportunidade de, por primeira vez, poder desenvolver unha sesión cunhas persoas que, lonxe da situación na que se atopan, quixeron axudarnos a realizar a cartografía e sobre todo nos fixeron sentir moi cómodas, e grazas a esta experiencia tivemos a oportunidade de que todos eles nos ensinaran como ven a vida e que se abriran e nos contaran as súas historias”
“Tamén puidemos aprender coa súa autocrítica que sempre se pode mellorar unha dinámica e por iso consideramos que é tan importante escoitar o que as participantes teñen para dicir”